sábado, 2 de abril de 2011

Resultado Arranxar 22ª Xornada

Maristas B 7:2 Arranxar

3 comentarios:

  1. non pudo ser.Mala sorte.

    ResponderEliminar
  2. Último partido desta liga 2010-2011 e primeiro desputado polos rapaces do Arranxar no Campus Universitario. En fronte, un Maristas da zona alta da táboa e que viña de dar moi boas sensacións a semana pasada contra o Bosco. No Arranxar, a importantísima baixa do capitán Rubén uniuse ás de Antonio e Luis. Como novidade, o número 2, Brian. Unha primeira metade repartida en dúas partes, unha para cada equipo, e unha segunda metade de claro dominio laranxo-azul. Vitoria xusta dos locais.

    Comezou o partido cunha forte ofensiva dos xogadores do Maristas, que crearon a súa primeira oportunidade de gol nada máis sacar de centro. No minuto 2 chegaba o primeiro tanto local cun gran lanzamento desde fóra da área. Un intenso Maristas estaba a pasar por riba dun Arranxar que non conseguía sacar o balón do seu propio campo. No minuto 4, Juan e a defensa salvan o segundo dos locais. Un minuto despois, o balón paséase pola porta visitante sen que ningún xogador do Maristas chegue a rematar. O primeiro acercamento do Arranxar chegou no minuto 6. Xogada individual de Manu pola banda dereita e o seu lanzamento sae fóra por pouco. Seguía o dominio local. No minuto 9, despois dunha boa intervención de Juan, Ángel mete a mao dentro da área e o árbitro sinala penalti. Na transformación chegaba o 2:0. Dous minutos despois era expulsado o adestrador do Arranxar por protestar. No minuto 15, á saída dun córner, o 3:0 no marcador. Cando parecía que todo estaba xa sentenciado, o partido cambiou por completo. Un dos artífices desta transformación foi Iago, o mellor xogador do Arranxar esta mañá. Loita, corre, presiona, rouba o balón, aguanta, pasa e segue a loitar. O centro do campo foi totalmente del. O outro artífice, claro está, Manu. Súa foi unha xogada no minuto 17, pero aí estaba o porteiro do Maristas para impedir o primeiro tanto dos verdes. No minuto 19, xogada de Manu pola banda dereita, centra e un xogador local mete a mao dentro da área. Penalti que transforma o propio Manu, poñendo o 3:1 no marcador. Un minuto despois, de novo Manu noutra xogada individual, entra na área e axusta o seu disparo establecendo o 3:2 e axustando o marcador. Dominio total do Arranxar, que encerrou ao Maristas no seu campo até o descanso. Dúas últimas ocasións dos visitantes nos dous últimos minutos, no lanzamento dunha falta e nun remate que saen, ambos, fóra por pouco. Chegou o final da primeira metade con 3:2 no marcador e con moi boas sensacións.

    ResponderEliminar
  3. A segunda parte parecía un calco da primeira. Saída en tromba dos locais desde o primeiro segundo de partido. No minuto 1, o balón paséase con perigo pola porta do Arranxar. Despois, dous córners perigosos, aínda que finalmente acaba detendo Juan o balón. Na seguinte xogada volve salvar Juan. O Maristas presionaba en todo o campo e os rapaces do Arranxar perdían rápido o balón. Seguíanse sucedendo as ocasións claras de gol por parte dos locais, até que no minuto 6 chegou o inevitable 4:2. Pero nada estaba perdido. Seguían nas nosas retinas os últimos dez minutos da primeira metade, e un catro a dous era perfectamente remontable. Mantíñase o calco da primeira parte, e no minuto 7 chegaría o primeiro acercamento con perigo do Arranxar cunha nova xogada individual de Manu que lanza fóra por pouco. Era cuestión de aguantar as arremetidas locais até o minuto 17 máis ou menos, e entón ir a por todas, a polo empate e a por algo máis. E aguantar, aguantamos, con algunha axuda da fortuna, dos paus e de Juan. Os ataques do Arranxar eran tímidos. Manu estaba ben cuberto por uns dezaoito xogadores todos eles moi rápidos, e cando conseguía centrar, alí estaban outros tantos para cortar o balón. Seguía dominando o Maristas, pero menos. Comezaba a acercarse o Arranxar, pero timidamente. Até que chegaron os minutos 17 e 18. Esta vez non, non houbo calco da primeira parte. En apenas dous minutos sentenciaba o partido o Maristas, establecendo o 6:2 no marcador. No 22 chegaría o definitivo 7:2 que confirmaba a derrota dun equipo que botou en falta as baixas de hoxe, especialmente a de Rubén, pero que a pesar de todo volveu demostrar que é capaz de facerlle fronte a calquera situación, por moi adversa que sexa, que é capaz de remontar, que xa non se vén abaixo, que corre e loita e non dá un balón por perdido, e que remata a liga con SEIS VITORIAS e a nada do noveno posto. Parabéns, rapaces! E grazas por todo.

    PD. Agora imos de Copas.

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.