sábado, 7 de mayo de 2011

Resultado Arranxar 3ª Xornada Copa

Arranxar 3:5 Allariz

1 comentario:

  1. Arranxar e Allariz desputaron esta mañá en Oira o partido correspondente á terceira xornada da Copa Deputación. Ausencias entre outros de Antonio e Rubén no equipo local. Álex, lesionado (co brazo dereito escaiolado), animou aos seus compañeiros desde o banquiño. Xogaron Juan na portería, Adrián (dorsal 3), Luis e Adrián (dorsal 5) na defensa, con Iago, Ángel e Manu no ataque. Dous estilos de xogo completamente diferentes, cun Allariz tocando o balón e buscando desmarques, e un Arranxar buscando crear perigo a forza de coraxe e balóns longos. Triunfou a laranxa mecánica.

    E iso que as cousas comezaron moi ben para o equipo local. No primeiro achegamento, balón que caza Manu dentro da área e fusila ao porteiro visitante. 1:0 para o Arranxar no minuto 2. Isto non desmotivou ao Allariz, que saía xogando o balón desde a defensa con moita calidade e buscaba ben as bandas no ataque. Así chegou a primeira oportunidade clara no minuto 4, pero Juan envía o balón a córner. Nun erro defensivo chegaría o empate no minuto 8. De novo un balón perigoso na área pequena que non é despexado con contundencia, e o dianteiro do Allariz aproveita para establecer o 1:1 no marcador. A partir de entón o partido foi totalmente dos visitantes. O Arranxar estaba partido en dous, con tres xogadores no ataque e tres na defensa. O control no centro do campo era por completo do Allariz, que se acercaba á porta local con moito perigo. No minuto 12 Juan salva o gol cos pés. Estaba máis perto o segundo do Allariz que o do Arranxar, e así chegou no minuto 13. Nun rápido contragolpe adiántanse os visitantes no marcador. Os acercamentos do Arranxar eran poucos e pouco perigosos. No 21, o terceiro do Allariz. Cando parecía que o mellor que podía pasar era que chegase o descanso, quen chegou foi Ángel. Lanzamento perigoso de Manu que sae a córner. No lanzamento de esquina, Ángel adiántase perfectamente á defensa visitante e leva o 2:3 ao marcador. Era o minuto 24. Un minuto despois, xusto antes do descanso, o gol do campionato. Ángel engancha un balón desde o seu propio campo e o crava maxistralmente na portería alaricana. Con 3:3 chegaría o final da primeira metade.

    Comezou a segunda parte con bastante igualdade, cun Allariz que intentaba manter o xogo dos primeiros 25 minutos e un Arranxar animado polo resultado e que buscaba máis velocidade no ataque. Adiantáronse os visitantes no minuto 5 cun tiro cómodo desde o borde da área. Dous minutos despois, córner favorable ao Arranxar que despexa o porteiro, creando unha contra que é aproveitada polo Allariz para poñer o 3:5 no marcador. Un minuto despois, oportunidade de Iago, pero o seu lanzamento sae fóra por pouco. Os visitantes seguían acercándose con moitísimo perigo, tocando o balón mesmo no borde da área local, e con lanzamentos que se paseaban pola porta de Juan (incluso un balón foi ao longueiro no minuto 10). No minuto 15, unha man dentro da área provoca un penalti a prol do Allariz, pero aí estaba Juan para detelo. Tres minutos despois, de novo o porteiro salva ao Arranxar baixo unha chuvia invernal (infernal). Algunha ocasión máis terían os locais, pero o 3:5 mantívose até o final. Derrota xusta e Copa xa imposible. Tan só queda o orgullo e seis puntos por diante.

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.