domingo, 27 de marzo de 2011

Resultado Arranxar 21ª Xornada

Arranxar 6:4 Xinzo de Limia B

4 comentarios:

  1. Penúltima xornada de liga e segunda vitoria consecutiva do Arranxar coa que os rapaces alcanzaron a maioría de idade, os 18 puntos. Non deixou de caer a chuvia, como non deixou de correr o equipo durante os 51 minutos dun partido trepidante, emocionante, inesquecible.
    Comezou mellor o Xinzo, nuns primeiros minutos de tanteo inicial e aclimatación á auga. No minuto 4, un lanzamento desde fóra da área é despexado por Juan. No rexeite, a pracer, chegaría o primeiro tanto dos visitantes. Oito minutos tardou o Arranxar en adaptarse ás pésimas condicións meteorolóxicas, o que tardou Manu en coller un balón, entrar na área e empatar o partido. Desde entón, recital dos locais. Un minuto despois, de novo Manu rouba o balón, marcha por velocidade do seu defensa atravesando todo o campo limiao pero nesta ocasión o seu lanzamento sairía fóra por pouco. No minuto 11, gol anulado a Ángel por fóra de xogo. Xogaba o Arranxar coas ganas e a intensidade dos mellores momentos da liga, pero hoxe contaba cun plus de calidade, cunha novidade, con Iago, que nos regalou algún que outro regate e algún que outro pase de moita clase. Por exemplo, no minuto 12. Iago asiste en profundidade a Manu e o seu lanzamento marcha a córner. Na defensa, bo traballo de Álex e Antonio cortando ben os balóns, xunto ao noso capitán, Rubén, hoxe tamén decisivo, tanto atrás como nas súas esporádicas subidas ao ataque. No minuto 13, un espléndido chut seu vaise a córner. Nova clara oportunidade, esta vez de Ángel, e novo córner. Merecía moito máis o Arranxar, pero o balón non quería entrar e o empate mantíñase. Até o minuto 20. Se un minuto antes Juan salvara unha clara oportunidade do Xinzo, nada puido facer para evitar o 1:2. Outra oportunidade dos locais no 21, pero o lanzamento de Manu é despexado polo porteiro. Non perdoarían os visitantes no 23, aproveitando a situación dunha defensa local excesivamente estática e poñendo o 1:3 no marcador. Pero non, hoxe o Arranxar tampouco se veu abaixo e Rubén, no lanzamento dunha falta no minuto 24, puña o 2:3, e a piques estiveron Ángel e Manu de empatar o partido antes do descanso. Pero non puido ser. Co 2:3, rabia pola mala fortuna e moi boas sensacións sobre o terreo de xogo, chegaba o final do primeiro tempo.
    Os primeiros minutos da segunda metade estiveron cheos de imprecisións. No 5, xogada individual de Manu que o porteiro manda a córner. Un minuto despois, gol anulado ao Xinzo por fóra de xogo (non sería o único). O partido despertou do seu letargo no minuto 10, cun golazo de Rubén nun lanzamento desde fóra da área. O empate subía ao marcador, e o Arranxar recuperaba a intensidade, o pulo e o nervio da primeira metade. No minuto 11, primeiro Manu e logo Adrián están a piques de consumar a remontada. Un minuto despois, de novo Manu, pero o balón sae fóra. Algún acercamento perigoso do Xinzo, como no minuto 14 cun lanzamento que sae alto. Mantiña o Arranxar a súa ofensiva, e Iago tivo a súa oportunidade no 15 na saída dun córner. O gol tiña que chegar, e chegou. Quen se non, Rubén! Golazo desde fóra da área, colocando o balón no pau dereito da meta visitante. Imposible de deter. Era o minuto 16. Na seguinte xogada, e cun Xinzo tocado, Manu marca o quinto para os locais. Seguía a presión, seguía a loita. No 18, lanzamento frouxo de Adrián. No 19, tiro de Álex que sae fóra. Cinco últimos minutos, con emoción, con 5:3 no marcador e cun Xinzo que non quería dar o partido por perdido. No minuto 21, o balón se pasea pola porta local e un posterior lanzamento é detido por Juan. Un roubo de balón puña un arrepiante 5:4 no marcador. Comezaban a aparecer polas nosas mentes vellos fantasmas do pasado (a chuvia recordaba Verín). Había que dálo todo, deixar até a última pinga de suor sobre o campo, e así o fixeron os rapaces do Arranxar. Manu, o gran Manu, nunha contra final xa no desconto, puña o definitivo 6:4 no marcador. Grande alegría nos rapaces e entusiasmo na afección local despois dun partido épico que deixa ao Arranxar a un punto do Celanova e o Xinzo a falta de tan só unha xornada. Haberá que soñar.

    ResponderEliminar
  2. As fotos do partido, por cortesía de Loly. Moitas grazas!

    ResponderEliminar
  3. hoxe si,non no lo puderon quitar,hoxe o arranxar soupo remontar e ganar.E mirade se xogou ben que o arbitro na súa acta añadiu o marcador un gol máis.Non foi real ese gol fantasma de adrián ,pero a ,merecida victoria logrouse o final.E dar dúas noraboas ,unha para Iago ese bon rapaz,e outra para ANGEL QUE LEVA UNS PARTIDOS donde da gusto velo xogar.Noraboa arranxar.

    ResponderEliminar
  4. Tan só unha aclaración. Efectivamente, como ben di Mary, o resultado que aparece na acta do partido, é dicir, o resultado oficial (que tamén aparece hoxe no xornal La Región) é de 7:4. Ao remate do partido había certa confusión sobre o marcador final, mesmo entre os afeccionados do Arranxar. A cousa estaba entre os seis ou sete a favor e os catro ou cinco en contra. Finalmente tivemos acceso a unha copia da acta, onde aparte dos tres goles de Manu e Rubén aparecía outro marcado por Adrián. Tanto o resultado que aparece no blog como a crónica do partido responden ao que eu vin e anotei. Despois de repasar as miñas notas e de ver os vídeos que nos pasou Loly, reafírmome no 6:4. En todo caso, se estou equivocado, pido desculpas.

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.