sábado, 27 de abril de 2013

Arranxar Infantil 1ª Xornada Copa Delegación

Arranxar 4:2 Santa Teresita

1 comentario:

  1. Esquecida xa a Copa Deputación, comeza o equipo infantil este novo reto da Copa Delegación con ganas e ilusión. E cunha vitoria esta tarde en Oira diante do Santa Teresita. Forte vento que foi protagonista, a favor na primeira metade, en contra na segunda. Tamén foi protagonista un desafortunadísimo colexiado. Comeza o partido co balón nas botas locais, aínda que sen moitas ocasións de perigo. Apenas existiu o Santa Teresita nos primeiros trinta minutos. No 7, Rubén mete un balón a Iago, pero o seu lanzamento sae fóra. Inténtao o Arranxar, con Juan pola esquerda, Antonio pola dereita e Iago polo centro. Tiro lonxano de Rubén no 14, que detén o porteiro. Ben Manu atrás, cortando os escasos acercamentos visitantes. Precisamente Manu é quen adianta ao Arranxar no marcador, ao remachar a pracer un lanzamento de córner. Era o minuto 21. Dous minutos despois, gran xogada de Juan que lanza a portería, despexa o porteiro e Iago marca o que debería ter sido o 2:0, pero incomprensiblemente o árbitro anula o tanto por un inexistente fóra de xogo. Novo partidazo do alevín Rubén, de loita e presión en todo o campo. No minuto 31, xogada do outro Rubén, o capitán, pase a Iago pola banda esquerda, este centra, o balón dá no pau e o rexeite non o aproveita Juan, que manda o balón fóra. Dous minutos despois, primeiro acercamento do Santa Teresita con perigo, pero o lanzamento desde a banda esquerda sae a rentes do pau. Parece que queren despertar os visitantes. No 34, Ángel, atento, bloca o esférico. Últimos minutos de xogo embarullado. Chégase ao descanso con 1:0 no marcador. Moito mellor o Santa Teresita na segunda metade, axudado polo vento e a lamentable actuación arbitral. Non obstante sería o Arranxar quen golpearía primeiro. No minuto 3, balón que lle chega a Juan, vaise do vento e do defensa e pica moi ben o balón. O 2:0. Comeza a rondar o balón a portería de Ángel. No 5 bloca un inocente lanzamento desde dentro da área. Clarísima ocasión visitante dous minutos despois, pero o balón sae fóra. Minutos de acoso do Santa Teresita. Ángel salva dous goles seguidos. Pero o que é o fútbol, no minuto 10 chega o 3:0, obra de Rubén cun excelente lanzamento lonxano. Parecía que o partido estaba sentenciado. Pero nada máis lonxe da realidade. A falta de puntería visitante e o acerto de Ángel manteñen inmóbil o marcador. Consigue meterse de cheo no partido o Santa Teresita con sendos goles nos minutos 26 e 33. Aparece entón a coraxe local. Excelente xogada de Juan no 37, pero o lanzamento peta no longueiro e o balón finalmente non quere entrar. Un minuto despois é Iago quen o intenta, pero bloca ben o porteiro. De novo Juan nunha contra, vaise do defensa e cando vai encarar o porteiro é agarrado claramente no borde da área. Falta perigosa que lanza Rubén, pero detén o porteiro. Axustado marcador. Calquera cousa podía pasar. Inténtao o Santa Teresita, que lanza a todo o equipo ao ataque. Pero é Juan, xa no desconto, quen engancha unha contra, vaise por velocidade do porteiro que se atopaba no centro do campo, e coloca o definitivo 4:2 no marcador. Primeiro triunfo nesta Copa Delegación que desde xa é o obxectivo do Arranxar até final de temporada. Ánimo e adiante.

    Goles

    Primeira parte:
    1:0 (minuto 21) Manu

    Segunda parte:
    2:0 (minuto 3) Juan
    3:0 (minuto 10) Rubén
    3:1 (minuto 26)
    3:2 (minuto 33)
    4:2 (minuto 42) Juan

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.