domingo, 13 de febrero de 2011

Resultado Arranxar 16ª Xornada

Verín B 7:6 Arranxar

4 comentarios:

  1. Día duro, durísimo. Polo frío, a chuvia e o resultado final. Definitivamente os deuses non están connosco. O árbitro, tampouco. Segunda derrota consecutiva pola mínima contra un equipo da zona media da táboa. Se contra o Pavillón fomos gañando en boa parte do partido, hoxe estivemos sempre por diante no marcador. Até o final, claro.

    Comezou ben o encontro, con achegamentos perigosos do Arranxar protagonizados polo mellor xogador do partido, Manu. No minuto 2 culmina un contragolpe driblando ao porteiro local e mandando o balón ao pau, cando apenas tiña ángulo de tiro. Un minuto despois chega o primeiro tanto dos visitantes. Adrián cabecea o balón á saída dun córner e, despois de rebotar nos defensas do Verín, entra na portería. Xogaba o Arranxar coas súas liñas adiantadas, creando perigo con roubos de balón e pases longos buscando a Manu, así como con disparos desde fóra da área. No minuto 7, na primeira chegada do Verín, roubo de balón no centro do campo, encara a portería o xogador local e establece o empate no marcador. Non se veu abaixo o Arranxar, e dous minutos despois, noutra xogada de Manu, man a man co porteiro do Verín que resolve de maneira maxistral levantando o balón ante a saída deste. Manu de novo establece o 1:3 no minuto 14, e todo parecía ir vento en popa. Até o minuto 17. Sorpresa, incredulidade e indignación cando o árbitro pitou un penalti en contra do Arranxar. Ninguén sabe por que, como foi, que pasou, incluso parecía que os xogadores do Verín non o crían. O caso é que o penalti foi transformado, a pesar de que Juan estivo a piques de detelo. A resposta do Arranxar foi rápida e contundente, cun pase excepcional de Ángel a Manu que se vai do seu defensa, controla dentro da área e cruza diante do porteiro, establecendo o 2:4 no marcador. Era o minuto 18, e os rapaces do Arranxar comezaban a estar cansos. Con só unha posibilidade de cambio, correndo e loitando sen parar baixo a chuvia, resulta complicado aguantar ese ritmo, esa intensidade. Así, chegaron os mellores momentos do Verín (que si tiña recambios no banquiño). No minuto 19, o 3:4. Sufrimento até o descanso, con embestidas constantes dos locais que a piques estiveron de empatar o partido en varios remates que Juan conseguiu despexar con moita calidade. Final da primeira metade e todo aberto e igualado.

    ResponderEliminar
  2. Aos 2 minutos da reanudación, o empate a catro nun balón que se colou pola escuadra cando parecía que ía saír fóra. Respondeu a continuación Manu, quen nunha xogada individual de forza e calidade entrou na área local e bateu ao porteiro, poñendo o 4:5 no marcador. Igualdade sobre o terreo de xogo, cun Verín que mantiña o nivel dos últimos minutos da primeira metade e un Arranxar que explotaba á perfección os seus puntos fortes. No minuto 12 un centro pola dereita do ataque do Verín é rematado a pracer dentro da área establecendo o empate a cinco. Dous minutos despois, de novo Manu, pero nesta ocasión o balón sae fóra por pouco. Adiantábase de novo no marcador o Arranxar no minuto 15, pero o árbitro anulaba o gol de Adrián por suposto fóra de xogo. Non o puido anular un minuto despois, cando un centro desde a dereita é rematado en propia porta por un xogador do Verín, poñendo o 5:6 no marcador. Mentres os cambios dos xogadores do Verín permitíanlles manter unha grande intensidade sobre o campo, os rapaces do Arranxar acusaban o lóxico cansazo, multiplicado polas horribles condicións meteorolóxicas. Así, eran cada vez máis numerosas e perigosas as chegadas do Verín, e o Arranxar facía todo o humanamente posible para contelas. Non puideron evitar o empate a seis, nun tiro cruzado imposible de deter. Quizá si se puido evitar o definitivo 7:6. Minuto 21. Falta ao borde da área. Quizá haxa que traballar algo máis esas xogadas de cara ao futuro. Despois, á heroica. Xa sen forzas, pero loitando até o final. Intentouno Rubén nun par de ocasións, pero o balón non quixo entrar. Derrota final, das que doen de verdade. Pero hai que pasar páxina, quedarse co máis valioso, con ese traballo, con ese espírito de loita, e pensar que se estivemos a piques de gañar a Pavillón e a Verín, podemos gañar a calquera. Outro día teremos máis sorte. Moito ánimo, rapaces!

    ResponderEliminar
  3. Mención especial para as nais e pais que sempre estades aí, animando ao equipo, chova, diluvie, faga vento, frío ou calor, en Oira ou no extremo oriental do país. Grazas aos que me acompañastes nestas viaxes a Celanova e Verín. Grazas a Loly pola súa inestimable aportación a este blog coas súas fotos e vídeos. Grazas a todos os que entrades por aquí e aos que deixades os vosos comentarios. E grazas a vós, rapaces, que semana a semana nos facedes soñar sen perder nunca o sorriso, a pesar da chuvia.

    ResponderEliminar
  4. hoxe loitamos e non pudo ser. Non pasa nada outro dia teremos a deus e a o arbitro do noso lado ,sen eles con 8 contra doce é dificil ganar.Pero intentamolo ata o final,e ese é un gran cambio no arranxar.Os nosos rapaces non se viñeron abaixo. Noraboa.loitar é o principal.Grazas manu por unos intres fixechesnos crer o íamos lograr.Pero adiante o proximo finde podemos ganar.

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.