sábado, 19 de febrero de 2011

Resultado Arranxar 17ª Xornada

Arranxar 3:4 Ponte Ourense B

4 comentarios:

  1. Arranxar é hoxe sinónimo de orgullo e dignidade. Terceira derrota consecutiva pola mínima, pero a diferenza das outras dúas, hoxe xogabamos contra o líder indiscutible da categoría, un Ponte que en 16 encontros gañara 13 e todos por máis dun gol (salvo un 5:4 contra o Barbadás), e fronte á esperada goleada, os rapaces do Arranxar responderon con loita e traballo durante os 50 minutos baixo un sol que non parecía de inverno. Nunca deron o partido por perdido e a piques estiveron de levar un punto. O que levaron foi o aplauso merecido da afección local. Bravo!

    E iso que as cousas non empezaban moi ben. No primeiro minuto, unha mala cesión atrás é aproveitada polo Ponte para adiantarse no marcador. Non se resentiu o Arranxar por ese gol, e comezou a buscar a Manu pola banda dereita, a Ángel pola esquerda e a Rubén no medio do ataque. No minuto 2, lanzamento de Manu que detén o porteiro. No 5 é Ángel quen proba fortuna, pero o seu lanzamento sae fóra por pouco. O Ponte non creou moito perigo nos primeiros dez minutos. Intentábao con algún tiro lonxano e algunha xogada que Luis cortaba perfectamente. A primeira grande oportunidade dos visitantes foi un lanzamento no minuto 10 respondido cun paradón polo mellor xogador do partido, Juan. Isto despertou ao Ponte, e un minuto despois un lanzamento desde dentro da área saía fóra por moi pouco. No minuto 12, novo paradón de Juan. Respondería o Arranxar un minuto despois, cunha xogada de Manu que pasa a Ángel e este tira a gol, pero o balón sería despexado polo porteiro visitante a córner. Resentiuse o Arranxar cando un dos seus mellores xogadores na defensa, Luis, se tivo que retirar sangrando polo nariz (non volvería até o comezo da segunda metade). E así, no minuto 16, chegaba o 0:2 como culminación dun contragolpe. Seguíao intentando Manu pola banda dereita, contra dous e incluso tres defensas do Ponte. No minuto 20, Ángel penetra pola banda dereita e o seu lanzamento é despexado novamente polo porteiro. Na contra seguinte, Juan volve salvar ao Arranxar (lección de intervencións prodixiosas hoxe do porteiro local, cos pés, coas mans…) No minuto 23, Manu contra catro forza unha falta ao borde da área. Lanza Rubén pero detén o porteiro visitante. Na última xogada da primeira parte, novo paradón de Juan, contragolpe do Arranxar, Rubén encara ao porteiro pero non pode definir. Con 0:2 chegaría o descanso.

    ResponderEliminar
  2. Na segunda metade seguiría buscando o gol o Arranxar, cun Manu sempre perigoso, aínda que tivese ao redor até a catro xogadores do Ponte. Perigo tamén levaba o nº 7 dos visitantes, quizais o mellor xogador da liga, controlando o xogo, conducindo o balón, driblando con calidade e buscando sempre a mellor opción de ataque. Gol anulado ao Ponte por fóra de xogo aos dous minutos. No 3, de novo Juan salva ao Arranxar. No minuto 7, Rubén marcha dos seus defensas, entra na área e fusila ao porteiro visitante. Golazo que leva a emoción ao marcador. Un minuto despois, falta perigosa a prol do Ponte, pero esta vez a barreira estaba ben colocada. Non obstante foi un gran lanzamento, pero aí estaba novamente o gran Juan. Outro paradón no minuto 11. No 12, noutra falta, outro rexeite, pero esta vez o balón cae nas botas dun xogador do Ponte que marca a pracer. 1:3 no marcador. Anímanse os visitantes, quen dous minutos despois mandan un balón ao longueiro. Pero os rapaces do Arranxar seguen loitando. Avisan no minuto 17 tras o saque dun córner. Un minuto despois, roubo de balón e Manu axusta ao pau dereito. Gol. 2:3. Nos sete minutos restantes, moitísima emoción. Calquera cousa podía pasar. O Ponte tiña a calidade (especialmente o seu nº 7), e o Arranxar tiña o espírito, o carácter, a alma, e a Manu e Rubén adiante. No minuto 21, man a man de Manu co porteiro, que detén este. No 23, outro man a man, este vez Adrián, co mesmo resultado. Pouco despois, centro que Rubén remata fóra por pouco. No minuto 24, lanzamento de Manu que detén o porteiro. Na xogada seguinte, o que parecía a sentencia do Ponte. O 2:4. Parecía, pero non era. Un minuto despois, gol anulado a Adrián por fóra de xogo. Uns segundos despois, o noso capitán Rubén establece o 3:4 cun golazo desde fóra da área. Non descontou moito a árbitro, que se nos deixan un minuto máis… O dito, rapaces, que estamos moi orgullosos de vós, do voso, traballo, do voso esforzo, da vosa loita. E agora, a pensar en Allariz, que se puxemos ao líder contra as cordas, podemos gañar en calquera campo. Forza Arranxar!

    ResponderEliminar
  3. Enlace da páxina do Ponte con comentarios, fotos e vídeos do partido.

    http://www.ponteourense.org/noticia8536.html

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.